miércoles, 12 de marzo de 2008

O CASTRO ( A CIDÁ) DE BORNEIRO ( CABANAS, A CORUÑA)

Precaución. Debido á presencia neste castro de fogares e buratos de poste fóra das vivendas é recomendable ir a modo e mirando ó chan –son estructuras fráxiles e se destrúen con facilidade–. Unha característica de Borneiro é a falta, en moitas construccións, da porta de entrada; asomádevos pero non intentedes entrar porque é imposible facelo sen estraga-los muros.
Situación. O Castro de Borneiro, ou A Cidá de Borneiro; está situado na parroquia de San Xoán de Borneiro, concello de Cabana de Bergantiños (A Coruña).
Cronoloxía. Presenta unha grande superficie escavada cun total de 36 construccións á vista. Segundo as análises de Carbono 14 o castro estivo habitado dende o 520 a.C. (±110) ó 80 d.C. (± 20).
Elementos de interese. O asentamento presenta dous sectores ben diferenciados: o barrio de extramuros (sector baixo) e a croa (sector alto). Na croa sitúanse as construccións domésticas; algunhas delas, de forma rectangular, están adosadas ou empotradas na muralla.
Algunhas das construccións circulares agrúpanse formando os chamados
barrios (individualizadas do resto do poboado por uns pequenos muretes que pechan o conxunto). A similitude constructiva, a presencia de fogares en case tódalas estructuras e a falta de interrupción nos muros para a entrada (rasgo común na maioría das edificacións de Borneiro) non permite facilmente a asignación dun uso determinado (vivenda, almacén, cortello...) a cada unha delas.
Na área escavada hai dous destes conxuntos: un deles está formado por seis construccións unidas por muretes (ben conservados) ou pola aproximación entre os muros. O outro, está composto de sete edificacións. No transcurso das escavacións, foron atopados, en moitas delas, dous pavimentos de terra apisonada (non se conservan) que corresponderían con obras de adecentamento (en lugar de cambia-lo piso da casa, se tapa con outra capa de terra).

As reconstruccións. As construccións domésticas, tal e como as vemos hoxe, teñen en todo o seu perímetro a mesma altura. Esto débese a que parte dos muros estaban derrubados cando se escavaron. A solución que se adoitou para a súa conservación foi levantalos todos ó mesmo nivel (xeralmente a altura máxima orixinal). En Borneiro nos primeros traballos non se diferencia-la parte orixinal da reconstruída e as construccións remátanse con terra e herba. Despois diferenciouse cun cambio no tipo de aparello pero non é doado de apreciar. Nos últimos empregáronse elementos diferenciadores e déixase no borde cemento tintado, as alturas siguen igualándose pero de xeito máis moderado.
No exterior das vivendas apareceron varios buratos de poste consolidados e tamén fogares exteriores que poderían estar en relación co uso destes espacios comúns.
Nunha construcción que ten forma rectangular e esquinas redondeadas,
está o fogar máis completo de Borneiro. É de forma rectangular con pedras fincadas de canto formando unha caixa que protexe a arxila endurecida polo lume. Xunto á beira hai un furado onde iría un poste que quedaría protexido do lume por unha das pedras do fogar.
Noutra construcción, esta de forma oval, hai outro fogar de arxila endurecida e pisada, protexida por tres lados con pedras fincadas de canto. Estas dúas construccións teñen á dereita un muro de contención de terras. Se nos poñemos de costas a elas vemo-lo trazado da muralla. Camiñando coa muralla á man dereita baixamos polo espacio aberto na muralla ata abaixo de todo.
Estamos no barrio de extramuros.

O “barrio de extramuros”. Chamado así por quedar fóra da muralla que rodea a parte de habitación. Pénsase que nel estaba o acceso principal ó poboado.
Está protexido por dúas murallas: a que bordea o castro e a que rodea a croa. O
conxunto está formado por unha gran construcción ovalada e outra circular (forno) cunha pequena parte rectangular. Aquí apareceron dúas fontes e dúas escaleiras entre as edificacións para salva-lo desnivel do terreo. O conxunto foi interpretado como un complexo de carácter funerario (pola presencia do forno e das fontes –véxase o castro de Punta dos Prados–) e tamén como obradoiro metalúrxico (por atoparse moita escoura de fundición).
Deixando ás costas o regato e a man dereita o conxunto de extramuros, camiñamos cara arriba para ver a muralla que pecha a croa. Ten unha altura media de 1,50 m. pero, polos restos dunha rampla de acceso, se cre que a altura orixinal sería moito maior; nela vense uns muros entrelazados que poderían formar parte dunha torre de defensa da entrada do poboado.

Escavacións. O xacemento empezou a escavarse nos anos 30, continuáronse os traballos nos anos 60-70 e de 1980 a 1990 realizáronse anualmente.
Materiais. Pódense ver no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón, na Coruña.
Accesos. A desviación ó castro está na estrada de Baio. Dende Santiago hai que ir en dirección a Carballo collendo o desvío a Santa Comba e Ponteceso . No camiño está sinalizado o dolmen de Dombate e logo o castro (A Cibdá). A subida ó castro e unha pista sen asfaltar que leva a un aparcadoiro onde se debe deixa-lo coche". (P. Barciela y E. Rey)

Nota.- En las fotos, podemos ver dos vistas parciales del poblado con diferentes construcciones pétreas circulares y un detalle de uno de los múltiples hogares o "lareiras" localizados en este castro

No hay comentarios: